Francisco Brines ou a mala conciencia social

    Francisco Brines Baño nace en Oliva (Valencia) en 1932, no seo dunha familia podente de labregos. Esta circunstancia posibilitou que chegase a posuír unha formación académica sólida –estudou Dereito e Filosofía e Letras– que o avalase cando impartiu materias estreitamente vinculadas coa lingua e literatura castelás nas prestixiosas universidades de Cambridge e Oxford.

     O noso autor desempéñase artisticamente no eido da poesía. Pertence, por idade e ideario, a unha xeración de escritores nacidos arredor dos anos 20 e que comezan a publicar o produto do seu enxeño aproximadamente 30 anos despois. Por razón tal adoitamos incluír estes escritores na nómina dos “nenos da guerra” ou, a miúdo, “fillos da ditadura”. A segunda etiqueta, se cadra máis apropiada, susténtase no argumento aducido ao respecto por un dos membros salientábeis da xeración, o poeta Jaime Gil de Biedma, quen repón que tanto os seus colegas coetáneos coma el mesmo son “señoritos de nacemento, por mala conciencia escritores de poesía social”.

     Convén matizar o devandito aserto. A meirande parte dos integrantes deste grupo –fundamentalmente poetas celebrados coma o tamén narrador José Manuel Caballero Bonald, Gloria Fuertes, José Agustín Goytisolo, Antonio Gamoneda, Ángel González ou o mencionado Gil de Biedma; narradores da talla de Ignacio Aldecoa, Jesús Fernández Santos, Juan Goytisolo, Juan Marsé, Carmen Martín Gaite ou Ana Mª Matute; dramaturgos reputados coma Francisco Nieva e mais Alfonso Sastre– acusan orixe burguesa e constitúen a primeira xeira de universitarios da familia. É verdade que, particularmente no referido aos vates, a súa arte finca as primeiras pegadas no compromiso político e social dun Blas de Otero ou dun Gabriel Celaya, pero a traxectoria de practicamente todos eles pescuda, co transcurso do tempo, unha intimidade tenaz e profunda.

     Francisco Brines asina títulos como Las brasas, Palabras en la oscuridad, Insistencias en Luzbel, La última costa, La iluminada e Todos los rostros del pecado. Eles fixérono merecente dun acreditado palmarés (recibiu trofeos tan notorios coma o Premio Adonais, Premio de la Crítica,  Premio Nacional de Literatura, Premio Nacional de las Letras Españolas, Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana e, o máis recente, o Premio Miguel de Cervantes, suprema condecoración que no ámbito das letras españolas se outorga a unha vida consagrada á creatividade literaria). Asemade, o poeta ocupa a cadeira X da RAE dende o falecemento do seu predecesor nesta honra, o dramaturgo Antonio Buero Vallejo.

    A emotividade e a contida efusión do roteiro poético percorrido polo noso protagonista late nas angustias, nas inquedanzas, nas ilusións. Os ecos de Constantino Cavafis e Luis Cernuda, druídas de versos inmortais e inmorrentes, alentan na voz de Brines. Luis García Montero proclama a débeda que, dende a mocidade, contraeu co verbo de Brines. O galardón que dende onte obra no poder do valenciano non fai senón ratificar a habelencia do home para sacudirnos a alma.

Margarita Fernández Gómez     

Publicado por Biblioteca Safo

Ola!

Deja un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar