O día 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, co fin de educar e sensibilizar ante os múltiples obstáculos aos que se enfrontan tantas mulleres adicadas á labor científica. No IES Espiñeira, e por suposto na súa biblioteca, Safo, estamos moi comprometidos coa causa e desenvolvemos ao longo destes días diversas actividades, intentando romper estereotipos e recoñecendo o papel de tantas mulleres científicas silenciadas ao longo da Historia.
Deixamos aquí unha pequena mostra do que se está a facer nas aulas:
- Os rapaces e rapazas de 1º curso de ESO recibirán unha charla inspiradora sobre o papel da muller na ciencia coas enxeñeiras de Airbus Raquel González Sola, Elena María Moya Sanz e Patricia Pineda Espinosa. Esta actividade está organizada polo Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña.
- O alumnado de 2º de ESO participa nesta iniciativa cunhas lecturas coas que nos achegan a biografía de diferentes mulleres que loitaron por facerse un oco nesta parcela do coñecemento tradicionalmente dominada polo varón. Podes escoitalas aquí:
- O alumnado de 3º de ESO debatirá na clase tras o visionado da obra Científicas en corto. Esta obra foi galardoada co premio Equit@ t 2017 á promoción da equidade de xénero, co primeiro premio na modalidade «Posta en Escena» da XIX edición do concurso internacional Ciencia en Acción 2018, co Premio Universidade de Sevilla á Divulgación Científica 2018 e co Premio Meridiana da Junta de Andalucía en 2020. Podes vela neste vídeo:
- O alumnado de 4º da ESO lerá un diálogo entre científicas.
- En 1º de FPB tamén se traballou este tema a través da figura de Valentina Tereshkova, a primeira muller que foi ao espazo exterior.
- O noso club de lectura está a ler neste mes o libro Silencio, de Agustín Agra, no que se inclúe Impostura, un relato sobre a figura de Marie-Anne Pierrette Paulze, muller de Lavoisier, considerada a nai da química moderna a pesar de que o seu nome non figurou nunca nas publicacións do seu marido. Nesta foto podemos ver a Gabriela, de 3º de ESO caracterizada coma ela.

Se queres coñecer un pouco máis do tema podes pasar pola biblioteca Safo e recomendarémoste algunhas lecturas. Para comezar aquí tes un estupendo cómic en versión dixital: