«Aos bos xornalistas podémolos recoñecer en menos de cinco minutos…» e a María Solar bastáronlle dous para deixar a todo o público enganchado do seu discurso.

A de hoxe foi desas visitas que chegan a pouco, nas que, como nos bos concertos quedas con ganas de pedir máis bises.


A autora de libros como A culpa, ou Os nenos da variola fixo un percorrido pola súa traxectoria profesional, na que deixou clara a importancia da formación académica, e fixo fincapé en que todo coñecemento, nalgún momento da vida, pode servir para algo.
A lectura do libro Relato de un náufrago, de Gabriel García Márquez, foi o punto de partida deste encontro promovido polo Ministerio. O noso club de lectura preparou para a ocasión unha pequena escena de teatro que sorprendeu a María Solar.

O equipo de xornalistas tamén aproveitou a ocasión de ter a toda unha profesional da televisión, para facer algunhas interesantes preguntas.
Agradecemos moitísimo a boa disposición de María Solar, para atopar este oco na súa axustada axenda e vir a pasar este ratiño entre lectores.