CEN ANOS DESPOIS DE FAI CEN ANOS

Mario Benedetti tería cumprido 100 anos

     O 14 de setembro de 1920 naceu en Uruguai Mario Benedetti. Os seus pais, italianos, impuxéronlle ao rapaz cinco nomes segundo unha tradición da súa patria. Un dos nomes, Hamlet, acaso vencellou o neno cun universo literario no que se refuxiar cando as tristuras da realidade mundana o agobiaran.

    A traxectoria vital de Benedetti estivo marcada, en gran medida, polas estreituras pecuniarias que acuciaban a súa familia. Esa circunstancia foi determinante, opinamos, nun doble senso: en primeiro lugar, provocou constantes mudanzas na procura dunha estabilidade económica que se amosaba esquiva; en segundo, imposibilitou o acceso do mozo a unha instrución académica máis sólida. As consecuencias gravaron unha pegada indelébel no carácter de Benedetti: por una banda, a saudade dos lugares que abandonaba e dos amigos que ficaban detrás del deixaron o pouso nostálxico que reflicte a súa poesía; por outra, o xove desempeña diversos oficios operario nun taller de coches, recadeiro, empregado nunha inmobiliaria ou na administración pública…, ata atopar ocupacións o periodismo, a crítica literaria, o ensino que combinen a faceta intelectual e creativa coa satisfacción das necesidades materiais. 

     En 1946, Mario Benedetti contrae matrimonio con Luz López Alegre, a noiva da mocidade, o amor da súa vida. A historia diste idilio transcorre paralela ao decurso literario, cultural e político do noso autor, cuxa sensibilidade choca decotío co devir político da nación. Cultivou distintos xéneros literarios, pero a posteridade lembra, singularmente, os seus versos. Poemarios como La víspera indeleble (1945), Poemas de la oficina (1956), Poemas del hoyporhoy (1961), Noción de patria (1963), Quemar las naves (1968) ou Letras de emergencia (1973) mesturan os sentimentos máis íntimos cun compromiso político máis fondo. Esta dualidade, esta contraposición temática, pendura sobre o escritor como a espada que lle proporcionou o pseudónimo: Damocles.

     Precisamente en 1973, Juan Mª Bordaberry encabeza o golpe de Estado que abre paso a unha ditadura militar vixente durante unha década. As dificultades constitúen un estímulo na laboura política de Benedetti, quen se significa fundamentalmente na procura dos numerosísimos desaparecidos, vítimas da saña dun réxime desapiadado. O noso autor sofre a amargura dun exilio que o priva non só do entorno físico, senón da presenza da súa esposa, a cal se ve na obriga de permanecer nun Uruguai hostil para coidar da súa nai e mais da súa sogra.

     Cando en 1983 remata ese periodo sinistro, Benedetti emprende o “desexilio”, como el nomea o retorno aos brazos da patria querida, da muller amada, e segue a emborcar nas súas páxinas as emocións preteridas. Pero, dende que, en 2006, Luz morrera a causa do mal de Alzheimer, a pluma de Mario quedou orfa de versos ata fuxir, tres anos despois, coa súa muller. El, que nacera marcado polo sino de Shakespeare, morreu un 17 de maio, para celebrar o Día das Letras Galegas!  

María Margarita Fernández Gómez   

Arredor dos libros esquecidos

Carlos Ruiz Zafón

20/06/2020

     Onte deixóunos Carlos Ruiz Zafón (Barcelona, 1965 – Los Ángeles, 2020), un dos representantes máis significativos da prosa contemporánea en lingua catalá e, fundamentalmente, castelá. Deuse a coñecer coa novela La sombra del viento, a cal nos amosa un autor novo -a obra veu a luz en 2001- que publica por primeira vez literatura para adultos -antes cultivara a novela xuvenil, xénero no que debutou con  El príncipe de la niebla (1993)-. 

     Seica esta segmentación por idades non encaixa coa sensibilidade de Carlos Ruiz Zafón. Un pode ler os textos que a crítica considera destinados á mocidade e conectar co sentimento e a emoción que transmite o escitor. Se cadra, por se acomodaren ao gusto de rapaces e adultos, de alumnos e profesores, obras teóricamente xuvenís gozaron de gran repercusión no eido académico (pensemos en Marina, coa que Carlos Ruiz Zafón confesaba manter un estreito vínculo,  ou a devandita El príncipe de la niebla).

     La sombra del viento impulsou o escritor á elite literaria española. A novela constituíu un éxito tanto de crítica como de ventas, demostrando que a condición de best-seller, tan rexeitada polos puristas, non sempre reñe coa calidade artística. Cando lin o libro, pensaba que o seu creador tiña moito que ver co providencialismo que, con frecuencia, nos acompaña aos galegos. A lectura suscitaba constantemente a impresión de que o que está de pasar, por algo ha pasar. Esta idea presidía calquer argumentación do escritor ou, polo menos, eu así o percibía. A conclusión que extraín naquel momento foi determinante á hora de interpretar esa lectura e as que a seguiron: tan importante coma o texto é o supratexto, é dicir, o conxunto de circunstancias que rodean ao lector no intre de elixir os libros que le e, sobre todo, de interiorizar a mensaxe que estos conteñen.  

     Se as cousas suceden porque teñen que suceder, ao mellor é paragóxico o feito de que o escritor morrera en Los Ángeles. El, que nacera na Barcelona intelectualizada na época en que a editora Carmen Balcells se empeñara en difundir a novela latinoamericana do boom e postboom (Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa ou Isabel Allende deben, en gran medida,  á persistencia de Balcells a publicación das súas obras en España), partiu a Los Ángeles, fascinado polo cine e o halo cultural que cubría a metrópole. Alí se instalou, e alí o cazou a morte. Cando o atopou, o noso autor seguramente soñaba co “Cementerio de los Libros Olvidados” que chantou a Carlos Ruiz Zafón na nosa memoria.   

María Margarita Fernández Gómez

DOS AMOS DAS SÚAS VIDAS REBELDES

Arthur Miller e mais Marilyn Monroe

Mañá cumpriríanse sesenta e catro anos dende que Marilyn Monroe (1926-1962) e o escritor Arthur Miller (1915-2005) selaran o seu compromiso cunha segunda voda para o noivo, terceira para a noiva. O romance entre a rapaciña roxa e o intelectual madurito colleu por sorpresa tanto ao público do dramaturgo coma ao da actriz. A diferenza de idade non parece afastalos máis ca as afeccións cultivadas por un e pola outra. A imaxe que de entrambos se desprendía -o sesudo autor, tolo pola mociña frívola coa cabeza chea de paxaros- lembra o mito de Pigmalión, recreado por Georges Bernard Shaw na peza teatral homónima de 1913. O protagonista desta obra mestura no seu corazón a paixón co afán didáctico, e ve na rapaza vulgar e ignorante unha beleza e un talento que el debe modelar segundo se lle antolle.

En 1965 estreouse no Teatro Goya de Madrid Después de la caída, drama no que Arthur Miller revive o seu matrimonio con Marilyn Monroe. O debut sorteou a censura da España franquista, xa que o seu autor se significara políticamente dende posicións de esquerda, e era tildado de “comunista”. O protagonista da obra, un intelectual xudeu chamado Quentin, a piques de se casar, lembra os seus matrimonios anteriores; estivo casado en segundas nupcias con Maggie, unha actriz adicta ás pílulas e o alcohol que remata por suicidarse. A crítica descifrou axilmente a identidade dos protagonistas e o contexto no que se desenvolvía o argumento, o cal remitía a unha vella historia:

a) DESENLACE.- No ano 1962 apareceu morta no seu domicilio Marilyn Monroe. A día de hoxe, a causa oficial do seu falecemento é o suicidio. Porén, as atípicas circunstancias que rodearon o suceso suscitaron agre polémica: a relación que presuntamente a defunta mantiña cos irmáns Kennedy, e a filtración de fotografías do cadáver antes de que os forenses lle practicaran a autopsia, alimentaron a controversia.

b) NUDO.- Arthur Miller escribiu o guion de Vidas rebeldes, filme dirixido por John Huston e interpretado por Montgomery Clift, Clark Gable e Marilyn Monroe. O matrimonio da actriz agonizaba -divorciouse en 1961, o ano en que se estrea a película-, pero o seu home non ficou só: durante o rodaxe coñeceu a unha fotógrafa que se ía converter axiña na súa terceira esposa.

c) PRANTEXAMENTO.- O cineasta Elia Kazan -quen, seica, vivira un idilio coa rapaza- presentou ao seu amigo Arthur a unha Marilyn que comezaba a andaina polas tortuosas corredoiras do Hollywood dos anos 50. Din os que compartiron con ela carteis e clases de arte dramático no lexendario Actor´s Studio de Nova Iorque, a escola de interpretación de cuxa canteira xurdiron actores tan prestixiosos como James Dean ou Marlon Brando, que a chica era sumamente disciplinada e intelixente. Porén, a inestabilidade apousentouse nunha vida fráxil ate destruíla. A amizade que xunguía a Kazan con Miller rachou igualmente, pero por razóns políticas que inspiraron non poucos guions… Facía moito que eu quería ler Después de la caída. Non foi fácil conseguir o texto traducido ao castelán ou ao galego (non cabe aínda esta última posibilidade). Debeuse ao azar que tal ocorrera, e facía xa moitos anos que eu me convertera nunha fan irredenta de Arthur Miller, pero as sombras que envolven a personalidade do autor despertan en min curiosidade. É difícil comprender como un home dotado da sensibilidade que zumegan Todos eran mis hijos (1947) ou Muerte de un viajante (1949) foi quen de se desentender dun fillo, ata o punto de non mencionalo na súa autobiografía, cando soubo que padecía síndrome de Down. Quizais a traxedia que nace da súa pluma fose o xeito de se afastar da traxedia que aniñaba na súa alma.

María Margarita Fernández Gómez

Benvidxs ao blog da biblioteca Safo

Neste curso 2020-21 comezamos unha nova etapa con biblioteca renovada no IES Espiñeira.

Este será o noso lugar virtual de intercambio de opinións e novidades. Terás á túa disposición información sobre as novas adquisicións da biblioteca e poderás participar dando a túa opinión sobre as lecturas que máis che gusten.

Tamén atoparás:

Información sobre as actividades que iremos organizando ao longo do curso.

Recursos relacionados coa lectura, a cultura e a creación literaria.

Novas e artigos de opinión sobre escritores e escritoras e as súas creacións.

Crea tu sitio web con WordPress.com
Empieza ahora