Axúdanos a mellorar

Todo o alumnado e profesorado do centro está convidado a participar nunha enquisa de valoración do traballo realizado polo equipo da biblioteca Safo durante este curso escolar. A túa opinión é importante para determinar as liñas de traballo no futuro.

Tedes o cuestionario no voso correo electrónico oficial. Adícanos uns minutiños do teu tempo!

Xa recibimos as primeiras respostas e queremos agradecer as opinións do alumnado que nos anima a continuar traballando e valora a labor da biblioteca con estes adxectivos tan motivadores para nós:

Recoñecemento para a biblioteca Safo

Hoxe recibimos a boa nova: a nosa biblioteca foi seleccionada, xunto con outros 19 centros galegos de ensino, polo seu traballo na CREAcción Día do Libro 2021.

O noso centro presentou a actividade á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, coa proposta “Espiñeira polo mundo”, da que xa falamos neste blog anteriormente, e que facía un percorrido pola literatura mundial a partir dunha exposición coa colaboración de recoñecidos autores.

Os centros con intervencións seleccionadas recibirán un lote de libros. Parabéns a todo o centro e en especial á xente que colaborou no desenvolvemento da actividade.

Listado de centros seleccionados

Emotiva xornada literaria no Espiñeira

Contábamos con todos os elementos imprescindibles para que o acto resultase (e de feito resultou) un éxito: moito talento literario, dous presentadores sobradamente preparados, un par de actores metidos no papel, moito alumnado implicado nas actividades, un público entregado, e a presenza dun dos mellores escritores do panorama actual galego, Héctor Cajaraville.

Os presentadores no momento no que se revelou o nome dos gañadores do certame

A Biblioteca Safo tivo a gran sorte de poder colaborar na organización deste evento que a principio de curso propuxo, con grande acerto, o Departamento de Dinamización Lingüística. Foi o primeiro, aínda que estamos convencidos de que non será o último, Certame Literario do IES Espiñeira.

O acto, conducido por Paula e Daniel, estivo cheo de referencias a Galicia, comezando coa actuación das nosas pandereteiras e seguido dun vídeo no que os textos da obra De remate, de Héctor Cajaraville, nos levan a facer un percorrido por diferentes escenarios galegos.

Andrea e Paula, inaugurando o acto coas súas panderetas
Vídeo con escenarios galegos baseado na obra De remate, de Héctor Cajaraville

Tamén houbo un oco para recordar a figura de Xela Arias, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, para o que contamos cun fantástico traballo en forma de vídeo-poemas realizado polo alumnado de 3º de ESO a petición do Departamento de Lingua Galega.

Aproveitamos a presenza de Héctor Cajaraville, membro de honor do xurado, para que nos falase da súa obra e do oficio do escritor. O autor tamén brindou algún consello para os participantes do certame, xente que comeza a súa traxectoria literaria, e que, a ben seguro, continuarán escribindo moitos anos, porque talento teñen de sobra!

O escritor Héctor Cajaraville dirixíndose ao alumnado do IES Espiñeira

Como non podía ser doutro xeito, na Biblioteca Safo tiñamos preparadas unhas sorpresiñas para Héctor. O alumnado volcouse nos proxectos do Booktrailer de De remate e a gran actuación en directo dunha pequena peza teatral que interpretaron maxistralmente Pedro e Violeta, de 3º de ESO.

Booktrailer do libro De remate

Chegado o momento máis importante do acto os presentadores desvelaron o segredo mellor gardado: os nomes dos gañadores do I Certame Literario do IES Espiñeira.

Esta é a lista de premiados e os enlaces para poder ler as obras galardonadas:

CATEGORÍA A

  • 1º PREMIO (VALE DE 30 EUROS E DIPLOMA)
Daniel Ozores recollendo o seu premio da man de Héctor Cajaraville

Autor: Daniel Ozores Chouza

Curso: 1º ESO

Título da obra: Recordos ou soños  

  • 2º PREMIO (VALE DE 20 EUROS E DIPLOMA)

Autora: Uxía Tubío Cadabal

Curso: 2º ESO

Título da obra: ATLANTIS  II

CATEGORÍA B

  • 1º PREMIO (VALE DE 30 EUROS E DIPLOMA)

Nome da autora: Lara  Sampedro Davila

 Curso: 3º da ESO

Título da obra: Unha primeira oportunidade 

CATEGORÍA C

  • 1º PREMIO (VALE DE 50 EUROS E DIPLOMA)

Autora: Mireya Briones Torrado

Curso: 1º Bacharelato

Título da obra: A última carta de Bianca

Mireya Briones recibindo o premio xunto a Héctor Cajaraville
  • 2º PREMIO (VALE DE 30 EUROS E DIPLOMA)

Autora: Nuria Tubío Martínez

Curso: 2º Bacharelato

Título da obra:  Aquel verán do 95

Na imaxe da esquerda as gañadoras dos segundos premios xunto co escritor Héctor Cajaraville.

Antes de rematar o acto fíxose entrega tamén dos premios do VI Torneo de Xadrez organizado pola biblioteca.

Parte do alumnado que colaborou na organización do evento xunto ao escritor Héctor Cajaravile

Xa vedes que non faltou de nada, tan só botamos de menos a presenza de maior cantidade de público, pero as condicións actuais non nos permiten aumentar o aforo. Por iso seguimos utilizando os medios dixitais e as redes sociais para achegar a todos aqueles que non podían estar presentes o calor e a ilusión de todos os que de algún xeito participaron na organización deste evento.

O noso máis profundo agradecemento tamén ao escritor Héctor Cajaraville, que se mostrou sempre colaborativo en todo o que lle solicitamos e que nos fixo desfrutar dunha xornada inesquecible.

Héctor Cajaraville recibindo un pequeno agasallo da man dos presentadores Daniel e Paula

Entrega de premios do I Certame literario

Este venres ás 9:35 no salón de actos temos unha cita para facer entrega dos premios do I Certame literario do IES Espiñeira, organizado polo Departamento de Normalización Lingüística xunto coa Biblioteca Safo.

Contaremos coa presenza do escritor Héctor Cajaraville e desfrutaremos de moitas sorpresas e actuacións nun acto conducido polos alumnos Paula Dieste e Daniel Ozores de 1º de ESO.

Día das Letras Galegas: homenaxe a Xela Arias

O 17 de maio de 1863 publicábase o primeiro exemplar da famosa obra de Rosalía de Castro, Cantares gallegos. Cen anos despois a Real Academia Galega instituía a conmemoración que anualmente recorda a unha figura representativa da literatura en galego. Neste 2021 é Xela Arias a homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Poeta, tradutora, editora e profesora, Xela Arias foi unha figura transgresora que rompeu todos os moldes poéticos existentes na década dos 80, que defendeu e reivindicou o uso da nosa lingua e que ademais se posicionou de xeito comprometido en situacións de desigualdade, opresión ou ante catástrofes medioambientais coma a do Prestige.

Na Biblioteca Safo tamén quixemos homenaxear a Xela e por iso fixemos un chamamento a través das redes sociais para que a comunidade educativa puxese as súas mans ao servicio da lingua galega “facendo praias imposibles”. Velaquí o resultado:

Se queres coñecer mellor a poesía de Xela Arias achégate a biblioteca onde poderás coller en préstamo a obra Poesía reunida(1982-2004), da editorial Xerais. Deixámosche un pequeno avance da man de Darío Gil Arias (fillo de Xela) e Ledicia Costas (recoñecida escritora de literatura infantil e xuvenil)

Inauguración do rincón animalista

Dentro das actividades da Semana Fauna deste curso temos o privilexio de contar cunha moi especial ubicada na biblioteca Safo. Será mañá, 13 de maio ás 11:15 cando se inaugure ese fantástico recuncho que a nosa profesora de plástica, Mónica, leva meses creando.

Non perdas a lectura do manifesto e a proxección de videos sorpresa e pasa pola biblioteca para ver como quedou o resultado final!

Final do torneo de xadrez

Esta tarde celebrouse a segunda e interesantísima xornada do VI Torneo de Xadrez do IES Espiñeira, baixo as pertinentes medidas de prevención contra a COVID-19, que lamentablemente non permitiron a presencia de público para animar aos vencedores.

A xornada rematou con este resultado:

Luis Araújo

Juan Manuel Somoza

Antón Abeijón

Manuel Calo

Thomas Bernard

Noa del Río

Parabéns a todos e moitas grazas dende a Biblioteca Safo a todos os participantes por facer posible a a continuidade deste torneo.

A ESTRUTURA SOCIAL DAS ABELLAS: “yo quisiera ser civilizado como los animales”

A Publio Virxilio Marón (Mantua, 70-Brindis, 17 a. C.) debémoslle un poema didáctico titulado Xeórxicas (“Cuestións relativas ao campo”), publicado en 29 a. C. A obra referida consta de catro seccións dedicadas a cadanseu eido agrícola -o cultivo dos leiros, o coidado das árbores froiteiras e da vide, a cría do gando miúdo e, sobre todo, de bois e de cabalos, e a apicultura, respectivamente-, e estatúe un sentido tributo á paisaxe rural que abalou o poeta dende o berce.

A composición das Xeórxicas insírese nun contexto político específico sen cuxa intelección sería difícil comprender o obxectivo dos versos virxilianos. O propósito da obra concorda co de Augusto (Roma, 63 a. C.-Nola, 14 d. C.), supremo mandatario que aspiraba a restituír a prístina moralidade da civilización romana. Augusto consideraba que a grandeza de Roma residía nos firmes principios e sólidos valores que apuntalaban o esquema social, conxuntura que reportaba as consecuentes puxanza económica e colonial.

Para lograr a súa finalidade, Augusto envolveu a corte cun tecido intelectual e artístico encargado de abrigar a intencionalidade do prócer. Ademais de Virxilio, poetas tan celebrados como Horacio (Venusia, 65-Roma, 8 a. C.) ou Propercio (Umbría, ca. 50-Roma, ca. 16 a. C.) contribuiron á sutil campaña de propagación dos ideais pulados por Augusto. O compromiso co réxime transparenta na literatura dos autores mencionados; porén, non reduzamos o seu pulido discurso ao vulgar panfleto…

A disciplina coa que Virxilio acomete a creadora empresa está intimamente relacionada coa natureza. A patria é a infancia, e a do noso autor transcorre nun eido bucólico do que non se desprende en ningunha das súas producións. Para explicar o proceso de inspiración ao que sucumbe, o bardo acude a unha fermosísima imaxe: di que el escribe lambendo, é dicir, lambendo os versos que compulsivamente escribe ata que estes adquiran o xeito que a quen os ciscallou lle pete. Sostén o mantuano que el actúa coas súas verbas como unha osa cos seus osiños: despois de parilos, a osa conforma a lambetazos a silueta das criaturas. Preciosa estampa, non é?

Non resulta azaroso que as Xeórxicas culminen cunha apoteose apícola. A harmonía das abellas reviste un sistema social óptimo, se cadra utópico, onde cada integrante desempeña unha función asignada pola lóxica inapelábel de Natura. As abellas habitan nunha Arcadia que nos retrotrae á Idade de Ouro onde a felicidade foi posíbel.

Fotografía aloxada en rede (plataformaarquitectura.cl)

Margot Fernández

Espiñeira pon as súas mans, coma Xela, facendo praias.

Ándanme as mans sempre facendo praias
imposibles; pode ser de non medrar

Sempre. Conmemorações populares 25 de abril. (1986)

Xela Arias, poeta homenaxeada este ano nas Letras Galegas, escribiu estes versos, que agora nós aproveitamos para visibilizar a súa figura e o seu compromiso co coidado do medio ambiente.

Invitámosvos a que participedes a través das redes sociais e que compartades por MD co Instagram do IES Espiñeira @ies_espinheira as fotos das vosas mans na praia.

IES Espiñeira (@ies_espinheira) • Fotos e videos de Instagram

“DAME LA LIBERTAD DE LA TIERRA MISMA”. CABALLERO BONALD, xa tes a liberdade!

O escritor José Manuel Caballero Bonald (Xerez da Fronteira, 1926-Madrid, 2021) rematou hoxe unha existencia plena de amizade, de compromiso, de paixón. O noso protagonista envorcou o talento en diversos xéneros literarios, se ben exhibe a súa maxestosidade creativa na poesía. Insire a súa potencia creadora na Xeración dos 50 -mesmo denominada “do medio século” ou “dos nenos da guerra”, en orde á secuencia cronolóxica na que se encadra-, partillando intereses con narradores tan senlleiros coma Carmen Laforet (Barcelona, 1921-Madrid, 2004), Ignacio Aldecoa (Vitoria, 1925-Madrid, 1969) ou Francisco Umbral (Madrid, 1932-ibidem, 2007); ou bardos tan relevantes coma Jaime Gil de Biedma (Barcelona, 1929-ibidem, 1990), Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931) ou Francisco Brines (Valencia, 1932).

Foto aloxada en rede (diariodejerez.es)

Os versos do noso autor constitúen a bitácora dun pasaxeiro guiado polos cantares. Si, a afección do vate polo flamenco distinguiuno como reputado estudoso dos queixumes jondos, dos jipíos quebrados que escachan contra o cristal das notas. Caballero Bonald, os guitarristas flamencos cortan hoxe as unllas en sinal de loito! Caballero Bonald, “elegido / que en cenizas transforma / la interior llama viva del humano” (CABALLERO BONALD, José Manuel: “Cenizas son mis labios”).

Margot Fernández

Crea tu sitio web con WordPress.com
Empieza ahora