O ENXORDECEDOR MURMURIO DE TAGORE

Tal día coma hoxe naceu Rabindranath Tagore (Calcuta, 1861-ibidem, 1941), protopoeta de cuxos versos resoa o eco non só na India, senón no mundo enteiro. O protagonista provén dunha familia acomodada tanto económica -malia criaren catorce fillos, os pais do noso autor posuían un patrimonio respectábel-, coma intelectualmente. Ao redor dos Tagore xiraba un círculo inquedo que promovía manifestacións culturais sumamente variadas. Non é de estrañar, por ende, que a creatividade do noso home escumase con perfección inusitada dende as primeiras composicións.

Tagore revolucionou o panorama literario hindú ao transmitir en clave poética reflexións filosóficas sobre os aspectos más trascendentais da existencia (a vida, a amizade, o amor, a soedade, a morte…). Ao través da canle expresiva empregada polo vate, o lector adiviña a solvencia dun pensamento fondamente chantado que procura a sinxeleza e afástase de ornamentos baleiros. Tal rexistro lingüístico confundiuse, ás veces, con simpleza ou precario pulido, o cal xustificaba unha aplicación despectiva do vocábulo naïf aos textos do autor.

As firmes conviccións do escritor inciden nunha conduta vital en coherencia con tan sólidos principios. Tras obter o Premio Nobel de Literatura en 1913, a popularidade do poeta medrou. Este foi quen, por ende, de espallar unha concepción política baseada na defensa dos membros máis desfavorecidos, dentro dun país cuxa acentuada estratificación favorece as inxustizas. O compromiso constitúe unha interesante directriz na produción de Tagore, identificada fundamentalmente coa poesía malia cultivar o autor outros xéneros (narracións curtas, diarios de viaxe e mesmo pezas dramáticas) e conformar un corpus literario prolífico, abofé.

Portada dunha obra de Tagore.

As procelosas augas do devir educativo reducen a presenza de Tagore nas aulas a un mero nome que, se cadra?, a rapazada debería coñecer. Porén, Tagore é un clásico; que os clásicos xamais fenecen é unha obviedade que, se cadra?, non teriamos que obviar.

Margot Fernández

Ampliación do prazo: I Certame literario IES Espiñeira

Dado que parte do alumnado amosou o seu interese en participar no I Certame literario do IES Espiñeira nestes últimos días, a organización do mesmo decidiu ampliar o prazo de presentación de relatos. Podes consultar as bases nesta entrada do blog:

Non te demores e participa xa! O prazo remata o vindeiro mércores, 12 de maio ás 19:00.

O POETA DENTRO DO POETA

A vida agasállache con sorpresas marabillosas. A amizade vai revestida de asombro, de ledicia, de bondade e, se falamos -e falamos, xaora- de José Carou Rey, de talento inefábel. De Carou docente, de Carou artista, de Carou vate, de Carou o noso.

A vida depárache encontros inesquecíbeis. A persoa que habita en Carou rezuma bonhomía e xenerosidade. O filántropo que reside en Carou enxalza a observación e a escoita. O filósofo que mora en Carou acubilla inxenio e sabedoría.

A vida apréndeche a amar a lectura. Os libros apréndenche a desfrutar da existencia. As letras apréndenche a apreciar as palabras que tecen a conversa cun mestre. Carou namora da poesía e consegue que a poesía a cadaquén namore. Hemisferio auga constitúe a primeira obra en verso publicada polo autor. Asístanos a cautela á hora de cualificar o título de primeira obra poética; a noción de poesía é indisocíabel da concepción creativa de Carou e inherente á súa identidade.

José Carou Rey (foto de arquivo aloxada en rede baixo a etiqueta deConcursos.com) presentará o vindeiro sábado 15/05/2021 a súa primeira obra en verso.

Margot Fernández

A perpetua viaxe de Konstantinos Kavafis

Hoxe cúmprese un dúplice aniversario: o da nacenza e mais o do pasamento do poeta Konstantinos Kavafis (Alexandría, 1863- ibidem, 1933). Unha curiosidade que converte en composición anular a vida del, unha vida que amosa concomitancias coa doutro autor senlleiro: Fernando Pessoa (Lisboa, 1888- ibidem, 1935). Ámbolos dous críanse no seo dunha familia acomodada, a cal fía nos posíbeis un destino afortunado para os seus membros. Os proxenitores de entrambos nenos establecen relacións harmoniosas co goberno, o que implica, por mor dos contactos co estranxeiro (no caso de Kavafis, o pai importaba tecidos a Gran Bretaña; no de Pessoa, o pai traballaba para a Administración en Suráfrica), a bonanza económica medre nos respectivos fogares.

Porén, a prosperidade cesa tras o falecemento prematuro de cadanseu predecesor, o cal provocou que as nais procurasen o amparo dun varón. A de Kavafis refuxiouse cun irmá do seu home; a muller trasladouse a Inglaterra, onde o cuñado residía, e alí permaneceu preto dunha década que modelou firmemente a nenez do noso protagonista. Por unha experiencia similar atravesou Pessoa cando, pouco despois de enviuvar, a proxenitora volveu contraer matrimonio.

O helenismo de Kavafis funde as raíces no lirismo inherente ao carácter do autor. A homosexualidade constiuía un estigma na época e, antes de ingresar na vintena, Kavafis derrubou barreiras da man dun curmán. A poesía estatúe en Kavafis a canle pola que desafogar o sentimento que o abafa. Porén, formulou expresamente o desexo de non editar a súa obra, a cal viu a luz -agás algúns textos que saíron publicados, de xeito excepcional, en xornais ou en libriños de reducidísima tiraxe- postumamente; unha timidez que comparte con Pessoa, quen encubre a identidade literaria baixo heterónimos, os cales conviven coa produción ortónima… Maila a citada eventualidade, a presenza de Kavafis nos círculos intelectuais pertinentes impúxose de maneira rotunda e inapelábel.

A pluma instrumentaliza a voz de Kavafis cando esta esmorece, a causa dunha traqueotomía practicada co propósito de lle extirpar un tumor na larinxe. O probo funcionario que desenvolve unha existencia pacífica exercendo unha actividade rutineira, contrasta co emotivo trobador que desempeña un labor apaixonante ao escribir versos desaforados. Neles escuma a sensibilidade dun vate extraordinario que restitúe á lingua grega a posición de privilexio que a cultura occidental lle deparou ao longo da Antigüidade.

Cavafis calza as sandalias de Odiseo e adopta a personalidade do heroe para baleirar no poema “Ítaca” -o máis emblemático, sen dúbida, entre un feixe de creacións emblemáticas- as súas reflexións sobre a dimensión cronolóxica: o tempo transcorre tan apresuradamente que, ás veces, somos incapaces de advertir como se detén. Así acontece cos clásicos, cuxa substancia saboreamos aillados dun contexto, pero provistos da súa esencia.

Foto: GALARZA, Javier: Kavafis y la memoria del cuerpo.

Día Internacional da Danza

Hoxe celebramos o Día Internacional da Danza dun xeito moi especial: a alumna de 1º de ESO Paula Dieste fixo un completo e instructivo vídeo no que nos fala do baile galego. Explica as orixes do baile, diferentes instrumentos musicais e a vestimenta tradicional que se utiliza neste tipo de baile.

Grazas Paula por compartir tanto coñecemento con todos nós.

ROBERTO BOLAÑO en “Remata a vida decontado”

Roberto Bolaño Ávalos (Santiago de Chile, 1953-Barcelona, 2003) tería cumprido hoxe 68 anos. Estaba chamado a ser un grande da literatura en castelán, pero a morte trocou os plans do talento. O pasamento, acontecido axiña, interrompeu o devir dun creador que a crítica, unanimemente, sitúa a carón de alquimistas da linguaxe coma Jorge Luis Borges (Bos Aires, 1899-Xenebra, 1986) ou Julio Cortázar (Bruxelas, 1914-París, 1984).

A singular personalidade do noso autor percíbese na súa traxectoria artística. Dende moi noviño Bolaño afanouse en representar o papel que no teatro da vida lle coubo en sorte: lector tan voraz que se fagocita para se converter en escritor. Nin sequera rematou o ensino secundario, moito menos unha carreira universitaria; porén, transformou a afección nun xeito de entender a existencia, de identificala cun percorrido carente de límites e barreiras…

Bolaño residiu en México e mais en España, onde construiu unha familia de seu, el, solitario e hermético no intre de amosar os sentimentos. Os textos do noso autor rezuman emoción contida por certo distanciamento; un dique que facilita ao relator a exposición aparentemente desprovista de sinais emotivos. Malia ser lembrado por títulos particularmente significativos dentro do eido novelístico hispano –La pista de hielo (1993), Los detectives salvajes (1998), Amuleto (1999) ou 2666 (2004)-, e ser recoñecido coma un mago do noir policial, a proxección lírica do escritor merece que a enxalcemos e, humildemente, recomendemos a poesía composta por un vate que o éxito colleitado por crítica e público agocha baixo a etiqueta de narrador.

A liberdade que Bolaño invocaba procuroulle a derradeira ilusión nunha moza contra quen litigaron, tras o óbito do disputado, a lexítima esposa e mais os fillos. Eis o argumento a desenvolver para un próximo libro, mestre, porque ars longa, vita brevis: “a cantidade de ideas é inmensa; a vida, efémera”.

Crea tu sitio web con WordPress.com
Empieza ahora